lunes, 23 de diciembre de 2013

Gatos

O gato (Felis silvestris catus ou Felis catus) é un mamífero doméstico da familia dos felinos, con unllas retráctiles, carnívoro, de pelaxe espesa e suave. Crese que o gato salvaxe africano (Felis silvestris lybica) é o seu antergo máis inmediato.
O gato doméstico fou denominado Felis catus por Carolus Linnaeus na súa obra Systema Naturae, de 1798. Johann Christian Daniel von Schreber chamou Felis silvestris ao gato salvaxe en 1775. Hoxe sábese, porén, que é unha das subespecies do gato salvaxe.
Na opinión Nº 2027, publicada no Volume 60 (Parte I) do Bulletin of Zoological Nomenclature (31 de marzo de 2003), a Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica confirmou a utilización de F. silvestris para denominar ao gato salvaxe e F. silvestris catus para as subespecies domésticas.
Johann Christian Polycarp Erxleben chamou Felis domesticus ao gato doméstico nas súas obras Anfangsgründe der Naturlehre (Razóns iniciais para estudar a natureza), de 1772, e Systema regni animalis, de 1777. Este nome, e tamén as súas variantes Felis catus domesticus e Felis silvestris domesticus, son vistos a cotío, pero non son nomes científicos válidos baio as regras do Código Internacional de Nomenclatura Zoolóxica.
Domesticación.

Como animal de compañía, é unha das mascotas máis populares en todo o mundo. Debido a que a súa domesticación é relativamente recente, poden vivir en ambientes silvestres formando pequenas colonias. A asociación do gato cos humanos levouno a figurar prominentemente na mitoloxía e en lendas de diferentes culturas, incluíndo ás civilizacións exipcia, xaponesa, chinesa e escandinava.
É un animal instintivamente cazador. Os gatos en liberdade viven de forma semisalvaxe e cazan ratos e ratas, entre outras especies, que doutro xeito comerían importantes cantidades de gran. Os domésticos capturan insectos, ratos e pequenos paxaros instintivamente, aínda que xeralmente non os consumen. Incluso, as presas poden ser utilizadas como obsequio para o dono.
Son preferidos polos seus hábitos de limpeza, polo seu baixo nivel de atención e coidados requiridos para a súa manutención. Segundo un estudio publicado na edición da revista Nature correspondente á cuarta semana do mes de xuño de 2007, os ancestros dos actuais gatos domésticos comezaron a separarse das liñas salvaxes hai entre 130.000 a 100.000 anos; outro publicado na revista Science confirmaba este dato, indicando que os gatos domésticos actuais descenden dun grupo de cinco gatos salvaxes africanos que se asociaron ao home en Oriente Medio hai 131.000 anos.
Os ancestros directos dos gatos domésticos terían abandonando gradualmente a vida silvestre para convivir coa especie humana atraídos polos roedores que parasitaban ás comunidades humanas. Actualmente os gatos domésticos atópanse agrupados en diversos clades (ou grupos xenéticos), atopándose no rastreo do ADN mitocondrial cinco femia ancestrais para todas as subespecies gatunas; os mesmos rastreos xenéticos sinalan unha procedencia directa dos gatos domésticos actuais cos gatos salvaxes do Medio Oriente, non atopándose a mesma proximidade nin cos gatos salvaxes africanos (Felis silvestris lybica), nin cos gatos salvaxes europeos (Felis silvestris silvestris).
As evidencias arqueolóxicas indicarían que un dos primeiros lugares de domesticación dos gatos foi a illa de Chipre hai uns 9.500 anos, e que pouco tempo despois estes felinos eran comúns entre as culturas da Crecente Fértil. Despois, fai quizais uns 3.500 anos, e probablemente a través de comerciantes fenicios, o gato foi introducido en Europa continental dende o Antigo Exipto.
Historia e mitoloxía.

Non se sabe exactamente cal foi a primeira cultura en domesticalos, aínda que sempre se asociou a súa domesticación aos exipcios, os asirios ou algunha cultura predecesora a partir do gato salvaxe africano. Descubríronse restos de domesticación de F. silvestris en Chipre que datan de hai 9.500 anos. Crese que os exipcios empezaron a domesticalos ao redor do ano 4000 a.C. para manter as ratas e ratos fora dos seus graneiros. Para os exipcios eran animais sagrados e, como tales, o castigo por matar un destes era a morte. A deusa Bastet era representada con cabeza de gato. Cando un morría, as veces era momificado.
Porén, durante a Idade Media, pensábase que eran familiares das bruxas. Ás veces eran queimados vivos o se tiraban dende o cumio de edificios altos durante as festividades. No mundo occidental é común a creza de asociar ao gato negro coa mala sorte (aínda que hai excepcións, por exemplo, no Reino Unido). Para as persoas supersticiosas, que se cruce un gato negro de súpeto é augurio de infortunios. De feito, deuse o caso de culpar aos gatos de transmitir a peste bubónica, co que foron exterminados en masa en pobos e cidades (contribuíndo a que se multiplicara a poboación de ratas, auténticos propagadores da praga).
Nos tempos actuais a Igrexa Católica declarou tamén como santos patróns dos gatos a San Antón Abade, San Francisco de Asís e San Martiño de Porres, incluíndo a este felino cos demais animais domésticos, ao igual que os antigos exipcios sen importar a raza e a cor.
É un dos doce animais do ciclo de 12 anos do zodíaco vietnamita, relacionado co calendario chinés (neste último, o signo zodiacal é o coello ou tamén o gato).
No Tíbet son considerados dende tempos inmemoriais gardiáns de reliquias e templos posiblemente pola robustez ostensible e intelixencia atribuídas á variante siamesa que alí se desenvolve. Animal sagrado, venerado e ás veces mimado excesivamente, no seo do budismo tibetano é considerado acompañante no tránsito obituario, e, nos soños lúcidos, o subconsciente do que soña (ou viaxa) é representado por un gato xigante, obeso, mudo e bonachón.

No hay comentarios:

Publicar un comentario